BAÍÑA F.S. 3 – UNIÓN F.S. 5
Autentico partidazo de fútbol sala o vivido o
sábado no Municipal de Baiona. Ritmo de xogo altísimo, ocasións para os dous
equipos e emoción ata o final.
O encontro non ia ser doado e quedou claro
dende o primeiro minuto. Tras ter nós a primeira ocasión nun lanzamento de
falta, na seguinte xogada o Baiña saca proveito dun saque longo do seu porteiro
para, nun despiste da nosa zaga, anotar o primeiro gol do encontro.
Había moitas xornadas que non comezábamos
perdendo e tocaba ver como xestionaría o equipo a situación. Lonxe de perder os
nervios ou comezar a xogar con presas, seguimos coa idea de xogo que vemos
tendo durante toda a tempada; boa circulación de balón esperando que aparezan
os espazos, sen precipitarse pero sen tampouco renunciar a intentar sorprender
con algún balón longo de Joni nos saques de meta.
O noso bo facer tivo recompensa. Aos 8 minutos
conseguíamos o empate tras unha boa xogada que remata Migui tras un par de
regates dentro da área.
Pouco a pouco iámonos apoderando do partido.
Seguíamos coa nosa presión alta habitual e nunha saída de balón dos locais Xandre
presionou de marabilla ao peche amarelo para conseguir roubarlle o balón e
poñelo no segundo pau, onde apareceu Xaime para conseguir o 1-2.
Nos minutos finais da primeira metade os de
Baiona apertaron un pouco e tiveron dúas ocasións en sendos lanzamentos lonxanos
ben atallados por Joni.
A segunta metade foi de infarto. Tras dez
minutos nos que non pasou nada salientable, Xaime facía o seu segundo gol da
tarde nunha xogada de pívot total na que consigue recibir de costas, xirarse e
colocar un punteirazo na base do pau dereito da meta local. Semellaba que se
nos puña o partido de cara, pero aos dous minutos o Baíña reduciría distancias
tras aproveitar unha pérdida nosa en media pista.
A falta de 8 minutos os amarelos deciden sacar
porteiro xogador. A verdade e que foi o mellor que nos puido pasar xa que nos
topamos relamente cómodos defendendo e apenas concedemos ocasións de perigo. Aínda
se nos puxo máis de cara o partido cando o Baíña cometeu a quinta falta. De
feito, faltando cinco minutos dispuxemos dun lanzamento de 10 metros que o
porteiro baionés foi quen de deter. Sen embargo non puido facer nada na
seguinte xogada na que, tras unha boa combinación entre Xandre, Xaime e Diego,
este último conseguia o 4-2 cun axustado remate no segundo pau.
Non podíamos rematar ese partido sen sufrir e
nada máis sacar de centro, no único erro que cometemos defendo o 5 para 4, o
Baíña consegue anotar e poñerse de novo a tan só un gol de distancia.
Restaban dous minutos para a conclusión e o
Baíña seguía tentándoo co xogo de 5, pero nun roubo de balón a falta de 30
segundos, de novo Diego conseguía o gol
da tranquilidade para os nosos.
Un partido espectacular, con moitas
alternativas e que demostrou que, como xa fixéramos a semana pasada, somos un
equipo que tamén sabe sufrir para sacar adiante partidos complicados.
Para rematar gustaríanos felicitar ao Baíña
F.S., un magnífico rival que por xogo non merece estar tan abaixo na
clasificación, de seguro que na segunda volta conseguen subir postos. E
agradecerlles tamén o bo trato que recibimos sempre que visitamos Baiona. Un
auténtico pracer!